PORTO DO SON> A conselleira do Mar mantivo un encontro con representantes da confraría de Porto do Son. Ademais de visitar as instalacións da lonxa, analizou co patrón algúns proxectos de próxima execución como a posta en marcha dunha aula formativa para garantir a remuda xeracional.
A confraría de Porto do Son, con máis dun século de vida, e preto de 90 socios segue a reinventarse para manter a competitividade. Hai anos que se sumou ó sistema Lonxas Galegas 4.0 para a poxa en remoto que permite reducir custos e axilizar a subhasta.
Durante a súa visita, a conselleira e o patrón maior abordaron tamén outros proxectos previstos polo departamento autonómico no porto sonense como a posta en marcha dunha aula de formación, encamiñada a atraer á mocidade ata o sector para garantir o relevo xeracional.
Emilio Queiruga trasladou tamén a Marta Villaverde algunhas das necesidades que presenta a confraría non só en materia de infraestruturas senón tamén de persoal.











