Fronte común da oposición pola reapertura de Radio Boiro

    BOIRO> Os grupos da oposición de Boiro uníronse para demandar a reapertura da radio municipal. O BNG convocou unha concentración para mañá na praza do concello mentres que o resto dos voceiros presentaron un escrito no rexistro municipal solicitando información sobre o repentino peche deste medio de comunicación. A concentración convocada polo BNG, á que tamén se sumará Boiro Novo, terá lugar a partir das oito e media na praza do concello. Á espera de decidir se se suman ou non á protesta convocada polos nacionalistas, o resto dos grupos uniron forzas para presentar un escrito conxunto no concello. Nel demandan explicacións sobre o peche de Radio Boiro así como a súa inmediata reapertura. Tódolos voceiros coincidiron en criticar a actitude de goberno municipal, que cualifican de arrogante e antidemocrática, por ter cesado a emisión tan só cincuenta e catro días despois das eleccións.