O sector do transporte blíndase fronte o coronavirus

RIANXO> O sector do transporte público viuse obrigado a adoptar estritas medidas de prevención para garantir a seguridade de usuarios e traballadores. Falamos cos responsables de Autocares Muíños, na parroquia rianxeira de Taragoña, para coñecer de primeira man como está a afectarlles a crise na que os desprazamentos se viron tan limitados.

Dispensadores de xel en tódolos autobuses e desinfección despois de cada viaxe, uso obrigatorio de máscaras, aforo de ata o cincuenta por cento e separación entre os usuarios. Estas son as principais medidas que están a aplicar as empresas de transporte por mor do COVID. Entre elas, Autocares Muíños, onde a partir da próxima semana contarán tamén cunha máquina de ozono para a desinfección de vehículos e instalacións.

En Autocares Muíños están centrados principalmente nos traslados de traballadores coas liñas escolares e de transporte discrecional paradas. Destacan a boa disposición e a sensibilización dos usuarios respectando as normas en todo o momento.

Aínda que polo momento esta empresa mantén a tódolos seus traballadores en activo, o futuro é bastante incerto. A esta incertidume hai que engadir as dúbidas que suscita a posta en marcha do transporte escolar. Polo momento, o concurso para a súa licitación está parado despois de que varias empresas presentaran recurso posto que as bases non contemplan a nova situación derivada da crise sanitaria. Consideran inviable que se manteña o modelo compartido sen saber como vai evolucionar a pandemia nos próximos meses.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí