A devoción polo Nazareno reúne a miles de fieis na procesión das Mortallas

POBRA> Como é tradición, cada terceiro domingo de setembro, a Pobra celebrou onte domingo a tradicional procesión na honra do Divino Nazareno.

Na procesión este ano participaron máis de vinte mil persoas. A maior parte delas achegáronse ata a vila pobrense atraídos pola devoción ó Santo e moitos outros pola curiosidade que esperta unha das tradicións máis singulares de Galicia, xa que os ofrecidos portan os cadaleitos ó longo de todo o percorrido.

Este ano foron un total de seis ataúdes, cinco de adultos e un de neno, os que procesionaron dende a igrexa do Castelo para agradecer ó Divino Nazareno a súa intercesión e axuda fronte á morte.

Aínda que a procesión das mortallas constitúe a imaxe máis característica, as festas do Nazareno, declarada Festa de Interese Turístico Galego, son moito máis.

Concertos, actividades deportivas, inchables para nenos e todo tipo de espectáculos que terán o broche de ouro esta noite coa gran tirada de fogos de artificio no paseo do Areal.