Éxito sen precedentes na XIV Exaltación do Mexillón de Cabo de Cruz

    BOIRO> A exaltación do mexillón de Cabo de Cruz vai camiño de converterse nunha das festas gastronómicas máis multitudinarias de Galicia. Nesta decimo cuarta edición repartíronse máis de cinco mil quilos de bivalvo superando tódalas expectativas da organización. A excelente calidade do mexillón combinada coas innovacións gastronómicas dos cociñeiros do grupo Innove converteron á decimo cuarta edición da exaltación de Cabo de Cruz nun éxito sen precedentes. A organización repartiu máis de dúas mil racións compostas non só polos tradicionais mexillóns ó vapor, senón tamén en croquetas, acompañadas de polbo e patatas ali oli e con lacón e cachelos. Catro propostas elaboradas polo cociñeiro Miguel Mosteiro que fixeron as delicias dos numerosos comensais. Na inauguración oficial participou a Conselleira do Mar quen destacou a alta capacidade produtiva do sector miticultor na comarca con duascentas trinta e cinco mil toneladas ó longo de 2014. Pola súa banda, o alcalde agradeceu o esforzo da comisión organizadora, encabezada por Óscar Domínguez, que traballa a reo para atraer cada ano máis visitantes. Durante o acto inaugural, as autoridades tiveron un emocionado recordo para os tres falecidos no afundimento do bateeiro Paquito II.