Os minicruceiros polas Rías Baixas pechan a tempada con máis de mil pasaxeiros

    BOIRO> Este martes recalaba no náutico de Cabo de Cruz un dos minicruceiros costeiros das Rías Baixas que promoven conxuntamente Turismo e Portos de Galicia. Os titulares destes dous departamentos recibiron ós pasaxeiros e presentaron o balance deste programa que ten rexistrado un incremento dun 131 por cento en tan só un ano. Este grupo de veciños da parroquia viguesa de Matamá vense sumar ós máis de mil pasaxeiros que xa participaron nos minicruceiros polas Rías Baixas. A aposta da Xunta por este proxecto desenvolvido conxuntamente coa asociación Galega de Náuticos pode medirse nunha cifra: o 131 por cento de crecemento deste proxecto dende a súa posta en marcha en 2016 ata este ano. Máis de oito mil cincocentas axencias de viaxe en España e en Portugal dispoñen do material promocional para ofertar estes cruceiros, tanto os mini como os grandes circuítos de ata sete días. O obxectivo é a promoción turística das nosas rías, dos nosos portos e das vilas en que se asentan.Precisamente esta estratexia de colaboración entre Turismo, Portos, AGAN e os concellos pretende ir máis alá promocionando estes cruceiros por toda Europa.