O BNG critica a ausencia de partidas consignadas para o Barbanza

    RIBEIRA> O BNG denuncia a escaseza de investimentos para a comarca do Barbanza nos orzamentos xerais do estado para o próximo ano. A única partida que aparece consignada é a depuradora de Ribeira por valor dun millón seiscentos mil euros. A deputada do BNG no Congreso, Rosana Pérez, amosouse moi crítica co documento orzamentario que se está a tramitar na cámara baixa, tanto na forma como no fondo. Na forma pola proximidade da convocatoria de eleccións que condicionará a actuación do futuro goberno que saia das urnas. E no fondo porque supoñen unha continuación das políticas económicas de recortes e apenas destinan investimentos para Galicia. A maioría das partidas orzamentarias da comunidade irán a parar a infraestruturas relacionadas coa alta velocidade, esquecendo a inversión nos sectores produtivos como a pesca e a gandería ou o saneamento das rías. Peor as cousas, din os nacionalistas, no Barbanza onde a única partida consignada é a depuradora de Ribeira. Botan tamén en falla outras actuacións de carácter ambiental como a recuperación do ecosistema dunar da Corna e a segunda fase da rexeneración das Xunqueiras. No debate dos orzamentos que se iniciará a próxima semana, o BNG ten prevista a presentación dunha emenda á totalidade. Estudarán ademais coas agrupacións comarcais de toda Galicia a presentación de emendas parciais.