POBRA> Realista, transformador e histórico, ó tratarse do orzamento máis elevado da historia do Concello, alcanzando a cifra de 11’5 millóns de euros. Así definía o grupo de goberno o presuposto municipal para este ano 2022, que virá a substituír ó de 2018, co que se veu traballando de xeito prorrogado.
Amplíanse as partidas de tódalas concellerías, como é o caso da de Medio Ambiente e Benestar Animal, e mesmo se dota del a áreas que ata o de agora non dispoñían, como é caso de Mocidade ou Memoria Histórica.
No capítulo de investimentos, este verase incrementado con respecto ó 2018, acadando a cifra de preto dos 3’5 millóns de euros. Entre as partidas máis importantes destacan as destinadas á mellora da rúa Venecia, obras de ampliación de abastecemento e saneamento ou o acondicionamento do pavillón municipal.
Segundo explicaron o orzamento ten tamén un marcado carácter social.
En canto á débeda, o alcalde sinalou que o nivel endebedamento sitúase ó redor dun 45%, o que evidencia o bo traballo realizado na xestión e na contención do gasto nestes últimos anos con remanentes de tesourería positivos. Dende o executivo destacaron tamén a boa liquidez do Concello, que permite pagar en prazo a provedores.