NOIA> A declaración do representante da empresa propietaria da mina de San Finx, Tungsten San Finx, S.L., prevista para esta mañá nos Xulgados de Noia quedou suspendida ata nova data, aínda sen concretar.
A empresa debía responder ás preguntas do titular do Xulgado de Instrución N.º 2 por presuntos delitos contra os recursos naturais e o medio ambiente, logo de que nas dilixencias penais se evidenciaran os altos niveis de concentración de metais pesados que as verteduras da mina están a causar no medio natural.
Uns datos ademais evidentes tralos informes achegados tanto polo Seprona, como pola acusación popular exercida polas confrarías de pescadores de Noia e Portosín e tamén as organizacións ecoloxistas.
Aproveitando a declaración ía celebrarse tamén, ás portas do Xulgado, unha concentración por parte de diferentes colectivos para esixir o selado das galerías e a retirada dos residuos mineiros acumulados no río, rematando así coas verteduras de metais pesados.
Unha protesta que finalmente tampouco chegou a realizarse e que quedou aprazada ata que se sinale unha nova data.