Viamare Stock arranca con boas expectativas de cara a fin de semana

    RIBEIRA> Os vinte e catro establecementos participantes nesta décima edición da feira de oportunidades ofrecerán importantes descontos nos seus artigos. Esta mañá abría as súas portas Viamare Stock, a feira de rebaixas que organiza a Asociación de Empresarios de Ribeira. Trátase xa dunha cita consolidada nas actividades programadas pola patronal local e que este ano chega a súa décima edición. Neste primeiro día a afluencia de visitantes foi notable, cumpríndose as expectativas dos máis de vinte stánds cos que conta a feira. Á unha da tarde, coa presenza das distintas autoridades locais, tiña lugar a súa inauguración oficial. Un acto que correu a cargo do propio presidente da Asociación de Empresarios de Ribeira, Antonio Miranda, e o alcalde, Manuel Ruíz. Na presente edición tomarán parte 24 comercios que porán á venda os seus mellores produtos a un prezo moi rebaixado. As persoas que se acheguen ata a carpa instalada no Malecón poderán adquirir todo tipo de produtos, especialmente os textís, aínda que tamén hai calzado, artesanía e complementos. A feira prolongarase durante toda a fin de semana con horarios ininterrompidos ata as dez da noite para facilitar as compras. Ademais todas aquelas persoas que merquen algo na feira poderán participar en varios sorteos, un dunha noite nunha casa de turismo rural e tamén de cen euros en vales de compra.

    DEIXAR UNHA RESPOSTA

    Por favor, engade un comentario!
    Por favor, engade o teu nome aquí