Arte e Mar inundarán Ribeira na cuarta edición da Feira Mariñeira

    RIBEIRA> Artesanía e mar conforman a mestura perfecta que este fin de semana encherá Ribeira. A cuarta edición da Feira Artemar deparará moitas sorpresas e novidades. A principal é que a maioría das actividades desenvolveranse nas instalacións do futuro mercado municipal. Ribeira reivindica o seu carácter mariñeiro cunha nova edición de Artemar. A feira, que arrancará este xoves co pregón a cargo da triatleta Sabela Pensado, conxuga gastronomía, arte, cultura e animación co eixo común do mar como tema central. A principal novidade desta cuarta edición será que boa parte das actividades desenvolveranse na futura praza de abastos. Un dos andares converterase nunha gran sala de exposicións de artistas locais e instalarase tamén unha tapería. Haberá tamén espazos para showcookings, degustacións gastronómicas, actuacións musicais e obradoiros para os máis pequenos. Outros puntos quentes desta feira serán a avenida do Malecón e a rúa de Galicia que darán cabida ó mercado artesanal. E na praza do concello, como é habitual, situaranse os expositores das numerosas asociacións que participan neste evento, tanto de Ribeira como de fóra. Tamén o comercio e a hostalería implicaranse na celebración da feira coa participación nos concursos de mellor escaparate e decoración. A programación das actividades, que se prolongarán ata o domingo, pódese consultar na web municipal.