PORTO DO SON> A proba, que terá lugar esta próxima fin de semana, será valedeira para o Campionato de España de Cruceiros ORC na zona norte, da que sairán os tres representantes galegos que pelexarán polo título nacional en Valencia no mes de outubro. As instalacións do Real Club Náutico de Portosín acollían a presentación oficial, esta mañá, da vixésimo sétima edición da Regata Mar de Finisterre, Primeiro Trofeo Pitusa Sabín. A proba, a máis antiga das que organiza o náutico sonense terá lugar esta próxima fin de semana, o sábado 22 e o domingo 23. A regata terá este ano ademais un engadido especial, xa que dela sairán os representantes da zona norte que competirán polo Campionato de España de ORC o próximo mes de outubro en Valencia. Na regata está prevista a participación dunhas trinta embarcacións, as mellores coas que conta a flota galega, que deberán completar en dúas xornadas varias probas de percorrido costeiro e trazados técnicos entre boias, tipo barlovento-sotavento. Algunha das principais favoritas serán o ‘Pairo VIII’ de José Luís Freire ou o ‘Castrosúa’ de Javier de la Gándara e Willy Toledo. Á par do aspecto deportivo, a proba terá tamén unha vertente social con diversos actos entre os que se atopan unha cea de confraternización e o primeiro Rally Mar de Finisterre na que poderán tomar parte aqueles motoveleiros e motoras que o desexen.Tamén asistiron ó acto de presentación diversas autoridades, entre as que se atopaban o alcalde de Porto do Son, Luís Oujo, e o presidente da Federación Galega de Vela, Manuel Villaverde.
Inicio Deportes