AMICOS lidera un proxecto europeo para fomentar a práctica de deporte adaptado

BOIRO> A asociación Integrados, que forma parte do grupo AMICOS, promove un proxecto europeo sobre hábitos de vida saudable e prácticas deportivas accesibles . Ademais da elaboración dunha guía de boas prácticas, desenvolveranse obradoiros para a capacitación de profesionais que traballen coa mocidade

Baixo o título ‘Everyday is a training day’ a asociación Integrados AMICOS lidera un proxecto para a promoción de hábitos de vida saudable inclusivos e accesibles. A iniciativa, enmarcada no programa Erasmus +, terá unha duración de 15 meses e dividirase en dúas fases. A primeira centrarase na investigación de boas prácticas no deporte e ocio para recollela nunha guía de recursos que será difundida a través das redes sociais. En segundo lugar, desenvolveranse unha serie de obradoiros para profesionais de atención á mocidade ou persoas con necesidades especiais.

O obxectivo é concienciar á sociedade da necesidade de contar con espazos accesibles para o exercicio físico para que persoas como Miguel, que participa no proxecto, poidan practicar deporte adaptado en diversas disciplinas.

Toda a información recollida darase a coñecer nun evento piloto que terá lugar en xuño en Macedonia do Norte que marcará o inicio dunha serie de sesións a nivel europeo que rematarán en Boiro no mes de outubro.