
VIGO>
Os 600 quilos de cocaína que viaxaban a bordo do Silver Back xa están en Vigo e os seus dous tripulantes na cadea. Como estaba previsto a Policía Nacional procedía esta mañá ó desembarco da droga transportada pola banda presuntamente liderada polo fillo do Peque. Viña en 24 bolsas de lixo camufladas en ocos e compartimentos do veleiro. Segundo o comisario principal de Udyco-Central, Eloy Queirós, dáse así por desmantelado o clan dos Peques pero a Operación Santa non queda pechada. Aínda está pendente localizar a un dos supostos xefes da banda: o cambadés Lorenzo Toledano. Está fugado.
En 24 bolsas de lixo ocultas en compartimentos e ocos deste veleiro de 13.4 metros de eslora. Así pretendían os integrantes da banda liderada presuntamente por Francisco Javier Fernández, fillo do histórico vilanovés ‘El Peque’, introducir en Galicia 600 quilos de cocaína. Procedía de Sudamérica. Alí, probablemente en Colombia, cargaron o Silver Back o pasado 18 de xullo. Tiña como destino o porto de Vigo, a onde chegaba nas últimas horas, pero de xeito distinto a como estaba previsto. O pasado 7 de agosto os GEO abordaban a embarcación no Atlántico, á altura das Illas Azores, co apoio do patrulleiro Atalaya da Armada, que se encargaría de escoltar o navío ata terra. A forte ondaxe, unida ó peso da droga, obrigou ós militares a traspasar os fardos de cocaína en alta mar para evitar que o veleiro se afundise coa droga dentro. Tamén a bordo eran detidos dous dos 21 arrestados no marco desta Operación. Esta mañá baixaban arrestados da embarcación con destino á cadea, xa que a xuíza do Xulgado de Instrución Número 1 de Vigo, responsable da investigación, decretou o seu ingreso en prisión.
Segundo o comisario principal de Udyco-Central, Eloy Quirós, con este operativo ‘dáse por desartellado o clan dos Peques’. Desmantelado o clan pero non pechada a Operación. E é que falta por localizar a outros dos supostos líderes da trama: o cambadés Lorenzo Toledano, que está fugado.
A investigación comezaba a finais do ano pasado, cando a banda se trasladou a Vigo para mercar unha embarcación que empregar para o transporte da droga. A compra fracasou e ante a presión policial trasladáronse ó sur de España na busca de alternativas. Atopáronas. Alí fixéronse co Silver Back, que enviaron a Sudamérica para transportar o alixo agora frustrado. Pero non foi o único operativo fraguado pola rede de narcos. Segundo fontes da investigación, a organización tería movido tamén unhas seis toneladas de hachís interceptadas en Andalucía, e nun dos domicilios rexistrados en Galicia atopouse un cultivo de marihuana con 100 plantas.
{flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/08agosto/18/drogaoperacionsanta.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/08agosto/18/VELEIRO_OPERACION_SANTA.mp4{/flowplayer}







