O concello buscará solucións cos empresarios ás dificultades da peonalización

CAMBADOS> O concello de Cambados buscará solucións con hostaleiros e comerciantes do entorno de Fefiñáns para evitar os trastornos que lles produce o peche ao tráfico da praza. Así o explicou esta mañá o edil de Tráfico. Segundo José Ramón Abal,a vindeira semana manterán un encontro para analizar cada situación.

O concello de Cambados comprométese a buscar solucións para que o peche ao tráfico de Fefiñáns e o seu entorno non sexa un problema para hostaleiros e comerciantes. O edil de Tráfico citounos a un encontro a vindeira semana para abordar cada situación.

Con este movemento, José Ramón Abal busca atallar o descontento que os empresarios manifestaron a pasada fin de semana. Coincidindo coa cabalgata de Reis, moitos pecharon a porta e colgaron carteis críticos co concello. As protestas xa non son tanto contra a peonalización, como contra a falta de servizos no entorno.

Dende o goberno local si aseguran que o peche de Fefiñáns continuará. Neste momento están pendentes os traballos de soterramento do cableado de Telefónica. Despois, serán as tarefas de reparación do pavimento da praza.