Noia busca axitar as conciencias coa proxección de “Nacido en Siria”

    NOIA> O concello de Noia organiza unha cita coa concienciación e solidariedade este venres no Coliseo Noela. Con varias mesas redondas, para escolares e adultos, e a proxección do galardonado documental “Nacido en Siria”, busca recadar fondos para os refuxiados sirios en Grecia.  

     “Nacido en Siria”, para moitos o documental que avergoña a Europa. Dirixido polo reporteiro de guerra Hernán Zin, a través dos seus relatos e os seus ollos, vemos nesta cinta as consecuencias do maior éxodo de refuxiados desde a Segunda Guerra Mundial: a violencia do conflito, a estafa das mafias migratorias, e o desengano da terra prometida, unha Europa que non acolle a quen máis o precisa, tendo como temos un pasado de migracións ás nosas costas. Un documental nominado ós Goya e que vén de gañar o Premio Forqué. O concello de Noia quere concienciar sobre esta realidade e faino agora coa axuda da ONG Airea. A Asociación Integral de Rescate en Emerxencias, organiza unha campaña co fin de recadar fondos para manter o centro de refuxiados sirios desde o que traballa na localidade grega de Katsikas. Unha das actividades que se vai realizar é a proxeción en Noia deste “Nacido en Siria”. A Oenegué Aire creouse por iniciativa de varios bombeiros do parque de Arteixo. David, é un destes heroes que ademáis de traballar salvando vidas na súa terra, dedica o seu tempo libre a axudar ós refuxiados de xeito altruista. Desde o concello de Noia queren abrir unha reflexión sobre esta situación entre os maiores, pero tamén entre os pequenos da casa. A cita será este venres no Coliseo Noela, con varias mesas redondas. Unha realidade, que ás veces sentimos como lonxana, pero que nos podería tocar vivir a calquera de nós. Mañá venres, ás nove da noite, no coliseo Noela de Noia, poderán achegarse un pouco máis a este pesadelo que viven xa catro millóns de sirios desde que comezou a guerra, a metade deles, nenos e nenas.