VILAGARCÍA> A casa do Concello de Vilagarcía pode chegar a reduci-la súa factura da luz ata nun 50% grazas aos seus novos paneis de enerxía solar. Foron instalados na azotea do consistorio. Segundo estiman, o novo equipamento produce uns 20 kilovatios.
Detrás deste proxecto está o obradoiro de emprego Labora Xove de enerxías renovables. O alumnado, ademais de recibir formación teórica conta tamén cunha parte práctica. Unha mostra é esta instalación que, ademais, terá un impacto moi positivo nas arcas municipais.
Esta mañá, o alumnado e profesorado supervisaron a posta a punto deste conxunto de paneis solares, xunto co alcalde e outros membros do goberno local. O rexedor indicou que aínda quedan moitos edificios públicos en Vilagarcía pendentes de contar cunha instalación como esta.
Entre elas, salientou a praza de abastos de Vilaxoán, lembrando que a de Vilagarcía xa conta con paneis. Tamén, apuntou, goza de placas fotovoltaicas o complexo deportivo de Fontecarmoa.
Alberto Varela aproveitou para felicita-lo alumnado polo seu traballo.











