SALNÉS> Galicia estréase na fase dous. Un novo paso na desescalada do confinamento que trae unha das medidas máis agardadas: xa se permite o baño nas praias. Hoxe nas Rías Baixas moitos aproveitaron para dar o primeiro mergullo da tempada, máis aínda coas temperaturas que se están a acadar.
Tras case dous meses e medio de confinamento e co termómetro acadando temperaturas de pleno verán, xa había ganas de estrear a tempada de baño nas praias das Rías Baixas. Algo que ata hoxe estaba prohibido.
Esta é unha das medidas máis agardadas da fase dous do desconfinamento na crise sanitaria do COVID-19. Dende a mañá o goteo de veciños cara os areais foi continuo, ben para pasear, ben para gozar do primeiro mergullo do ano.
Manter a distancia de seguridade é unha das medidas fundamentais tamén nas praias. Por iso moitos queren aproveitar estes momentos de tranquilidade.
E é que aínda que non todos gozarán deste novo paso cara a normalidade.
Poucos son quen de resistirse a un dos principais atractivos da nosa zona que, polo de momento, só poderán desfrutar os autóctonos.
Apelan á responsabilidade
Dende os concellos fan un chamamento á responsabilidade. A praia de Silgar, en Sanxenxo, abriu ao baño sen o sistema de parcelas anunciado polo concello. Non se porá en marcha ata mediados de xuño.
En Vilagarcía, pola súa banda, o goberno local apelou á responsabilidade individual para cumprir coas normas de distancia física e hixiene. O executivo explica que carece de medios para unha vixilancia constante dos areais, e menos aínda cando non comezou a tempada de baños. Na cidade vilagarciá o labor será fundamentalmente informativo, con carteis e a presenza puntual de Protección Civil e Policía Local. Si permanecerán pechados os aseos públicos, e non se parcelarán as praias. Recordan, ademais, que segundo a norma o aforo dun areal calcúlase con base en catro metros cadrados de superficie de praia por persoa.
No concello do Grove tamén se desbotou a aplicación de medidas de control do aforo dos areais. O seu alcalde apelou tamén á responsabilidade individual para tomar medidas de protección, sobre todo o mantemento da distancia de seguridade.
39 bañistas sancionados na Illa a fin de semana
O baño nas praias está permitido dende hoxe. Na fin de semana aínda estabamos en fase 1, polo que mergullarse na auga non era unha das actividades que se podían facer nese momento da desescalada. De feito, na Illa de Arousa entre sábado e domingo multaron 39 bañistas.
Durante a semana pasada, dende o concello fixeron un especial esforzo por avisar aos veciños e visitantes de que o baño non estaba permitido. Os que ignoraron esta advertencia atopáronse coas sancións na fin de semana. A maioría achegáronse ata A Illa dende municipios veciños, sobre todo de Vilagarcía. Ademais, tres persoas procedían doutra provincia, cando cabe destacar que a mobilidade entre provincias está prohibida.
Os multados enfróntanse a sancións de ata 600 euros de multa; contía que pode ser maior no caso dos que se desprazaron dende outras provincias.