MUROS> O voto favorable do BNG e a abstención do PP permitiu ó executivo de Muros aprobar a proposta de dedicacións e retribucións dos membros do goberno. A alcaldesa asumirá unha dedicación exclusiva de tres mil euros mensuais, mentres que os dous edís delegados ostentarán unha parcial de mil douscentos euros cada un. Este luns aprobábanse finalmente as retribucións do equipo de goberno de Muros nun pleno extraordinario. A proposta inicial do executivo contemplaba tres dedicacións parciais: unha para a alcaldesa cun salario de mil seiscentos euros brutos ó mes e as outras dúas de mil douscentos. Sen embargo, o goberno viuse obrigado a modificar a proposta incluíndo unha dedicación exclusiva a petición dos grupos da oposición. O acordo saíu adiante co apoio do BNG, a abstención do PP e os votos en contra do PSOE, alegando que sobrepasaba o tope mensual de catro mil euros que esixía Compromiso por Galicia antes de acceder ó goberno. Aínda así, o gasto anual en salarios é inferior ó do anterior goberno que contaban cunha dedicación exclusiva na consellería de Obras e tres parciais, de dúas concelleiras e da ex alcaldesa.
Inicio Barbanza - Muros - Noia









