Educación, disposta a atender parte das demandas dos pais do Torre-Illa

    A ILLA> Educación está disposta a responder as peticións da AMPA do colexio Torre-Illa. O xefe territorial da Consellería comprometeuse a recibir aos pais a principios de setembro, cando dispoña do informe da Inspección de Educación. Segundo César Pérez, estudan facer algúns dos desdobramentos de aulas que pedían, ademais de reforzar o profesorado. Dende a delegación da Xunta en Pontevedra piden, tamén, que se despoliticen as protestas.

     

    Educación está disposta a atender as demandas dos pais do colexio Torre-Illa. Antonte o xefe territorial da Consellería respondeu á solicitude de reunión feita pola AMPA, un encontro que se celebrará a principios de setembro.

    En xuño xa se acordara facer tres aulas para sexto de primaria, curso que conta con 51 nenos matriculados, sete con necesidades educativas especiais. A intención de Educación é, segundo Pérez, responder ás peticións sobre outros cursos.

    O xefe territorial de Educación fixo fincapé neste reforzo de profesorado que, apuntou, non faría necesaria a terceira aula para primeiro de primaria. Dende a delegación piden, ademais, que se despoliticen as protestas.

    Os pais aínda non recibiron ningunha proposta oficial por parte da Consellería. A preguntas de Canal Rías Baixas, apuntaron que as medidas que estuda Educación son insuficientes. Non entenden por que se optaría por facer unha terceira aula de segundo e non de primeiro, curso no que con 51 alumnos se incumpriría o ratio de 25 nenos por aula. Tampouco se atendería a súa demanda en cuarto, no que a pesares de que non se supera o limiar, aumenta a matrícula de 14 a 24 nenos, entre eles un alumno con necesidades educativas especiais. 

    A AMPA recoñece que recibiu a resposta de César Pérez á súa petición para manter unha reunión, aínda que non entenden por que teñen que agardar ao mes de setembro cando, aseguran, o informe xa fora solicitado en xuño.

    {flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/08agosto/27/ratio_educacion_cole_illa.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/08agosto/27/ratio_educacion_cole_illa.mp4{/flowplayer}