Medra o número de buques destinados á paralización definitiva

    RIBEIRA> Unha vintena de embarcacións da comarca do Barbanza acolleranse ó plan de xestión integral da pesca de baixura no Cantábrico Noroeste. Os armadores optan polo despezamento ante as escasas posibilidades de pesca e o baixo prezo das capturas, que fai que a actividade non sexa rendible. A ampliación das axudas por parte da Consellería do Mar para acollerse ó plan de xestión do caladoiro seduce cada vez a maior número de armadores que optan por despezar as embarcacións ante a imposibilidade de vivir do mar. En Ribeira, unhas dezaseis embarcacións, principalmente arrastreiros, veñen sumarse ás vinte e dous que xa solicitaran acollerse ás axudas para a paralización definitiva na anterior convocatoria. A estrita limitación das cotas de pesca e a caída progresiva dos prezos nos últimos anos están detrás deste incremento dos buques que pararán definitivamente. Segundo indicou o patrón maior de Ribeira están son as principais causas polas que cada vez máis armadores deciden tramitar a baixa.