O executivo rianxeiro busca a fórmula máis eficaz e menos custosa para a xestión da nova EDAR

RIANXO> Aínda que non é polo de agora unha decisión firme, pois estanse a valorar distintas opcións, o executivo rianxeiro si lle trasladou á consellería de Infraestruturas a realización dun estudo para a explotación da nova EDAR, que vén de ser recepcionada polo Concello despois dun investimento por parte da Xunta en materia de saneamento e depuración de augas de preto dos 15 millóns de euros.

Dende o Concello afirmaron que a solicitude responde unicamente á necesidade de coñecer as condicións técnicas e económicas que suporía cederlle a xestión do uso desta infraestrutura a Augas de Galicia, cun posible aforro de custes para as arcas municipais, como xa fan outros concellos de Galicia, entre eles o da Pobra do Caramiñal.

Desta forma garantiríase o bo funcionamento profesionalizado dos sistemas de saneamento, asegurando a calidade do servizo e evitando as posibles verteduras ó mar.

O que si ten claro o rexedor e que se valorarán tódalas opcións posibles antes de tomar unha decisión definitiva, incluíndo a xestión directa por parte do Concello.

O fin é decantarse por aquela que resulte máis eficaz e menos custosa para as arcas municipais.