Arranca o obradoiro de emprego ‘Castro Alobre’

    VILAGARCíA> O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Xosé Manuel Cores Tourís, e o rexedor vilagarcián, Alberto Varela, asistían esta mañá ó acto de presentación desta nova inicitiva formativa na que participarán unhas 21 persoas. Un total de 21 alumnos, todos eles maiores de 25 anos con dificultades de inserción laboral, na súa maioría mulleres e desempregados de longa duración, beneficiaranse deste obradoiro de emprego ‘Castro Alobre’ que esta mañá iniciaba a súa andaina en Vilagarcía. Durante seis meses recibirán formación nas especialidades de carpintería e xardinería. A iniciativa é posible grazas á Xunta de Galicia, que a través da consellería de Traballo e Benestar, investirá preto dos 190 mil euros. Unha cantidade importante que vén a sumarse á iniciativas semellantes xa desenvolvidas neste concello nos últimos seis anos que suman case un millón de euros. O alcalde, Alberto Varela, destacou tamén a importancia deste tipo de obradoiros de emprego, que buscan a inserción laboral daquelas persoas con maiores dificultades para atopar un traballo. Os alumnos traballadores desenvolverán diversas actuacións no entorno de ‘Castro Alobre’, no adecentamento das zonas axardinadas deste espazo e na construción de novo mobiliario.