RIANXO> Rianxo non conseguiu eludir o peche perimetral e finalmente afrontará as festas do Nadal co nivel máximo de restricións. Así o determinou o comité clínico da Consellería de Sanidade que tamén acordou manter en vixilancia especial ós concellos de Noia, Muros e Porto do Son.
Non colleu de sorpresa a nova do peche de Rianxo que levaba días cunha liña ascendente de contaxios. A día de hoxe contabilízanse 35 pero o incremento das probas realizadas nas últimas horas apuntan a unha notable suba da curva.
As novas restricións entrarán en vigor esta medianoite. Afectan especialmente á hostalería qeu só pdoerá servir en terraza ata as cinco da tarde e coa metade do aforo e á mobilidade interna posto que o concello queda pechado perimetralmente. Dende o concello aínda están á espera de saber se o peche se limita ó termo municipal ó se determina unha área burbulla con Boiro que se atopa no mesmo nivel de restricións.
A pesar do mazazo que supón para determinados sectores, especialmente para a hostalería, dende o executivo fan un chamamento á calma e a extremar as precaucións para reducir os contaxios e non relaxar as medidas de cara a estas datas.
Ademais de incorporar a Rianxo na lista de concellos en nivel máximo de alerta, Sanidade manterá en especial vixilancia a Porto do Son, Noia e Muros ante o significativo incremento de casos nos últimos días.