Os hoteis da capital superaron o 85% de ocupación no mes de agosto

PONTEVEDRA> Máis turistas pasaron por Pontevedra este verán. Segundo os datos manexados polo concello, entre os meses de xuño, xullo e agosto case corenta e catro mil persoas achegáronse aos seus puntos de información. Confirman este incremento os rexistros do sector hoteleiro da cidade, que en agosto acadou unha ocupación dun 85%. Dende o concello destacan, ademais, o modelo de cidade como non reclamo turístico da capital.

 

Os datos do concello confirman as percepcións: este verán houbo máis xente polas rúas pontevedresas. En xuño, xullo e agosto, máis de 43.700 persoas pasaron pola Casa da Luz, a caseta de Vialia ou o punto de información da Praza de España para interesarse pola vila. Destaca o incremento do turista internacional.

De media, o turismo medrou este verán un 2,4% respecto do 2014. Un crecemento que tamén se notou no sector hoteleiro. En xullo a ocupación situouse no 71%; acadando o 85,6% en agosto. En ambos casos, supuxo un incremento do 15% respecto do ano anterior. 

Éxito absoluto da fin de semana da Feira Franca: o sábado non había nin unha praza hoteleira libre en toda a cidade.

Dende o concello tamén destacan a importancia do modelo de cidade como reclamo turístico. Segundo Gulías, tras engadir este ítem nas enquisas foron 1.135 visitantes os que o marcaron no mes de xullo como motivo para escoller Pontevedra como destino. Por iso a concellería quere mudar a súa estratexia comunicativa.

Concello e sector xa traballan na campaña do 2016. Este mércores, a concelleira manterá un encontro con hoteleiros da vila para analizar os resultados e definir as estratexias a seguir.

{flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/09setembro/08/turismo_pontevedra.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/09setembro/08/turismo_pontevedra.mp4{/flowplayer}