O achado dun muro en Santa Clara confirma que os tres edificios do convento xa existían no século XIV

PONTEVEDRA> Santa Clara xa era no século XIV unha grande estrutura conventual. Así o confirma o último achado das catas arqueolóxicas que está a realizar a Deputación de Pontevedra no recinto. Atopáronse os cimentos dun muro que demostran que no momento da súa fundación o convento xa estaba formado por tres edificios. Algo que, segundo o goberno provincial, reescribe a historia de Santa Clara e da propia Pontevedra.

O último achado das catas arqueolóxicas que se están a realizar en Santa Clara reescriben a historia do convento. Os documentos medievais sinalan o ano 1310 como o da súa fundación pero só se coñecía a existencia da igrexa. Ata a actualidade.

As catas revelaron a existencia deste muro de cimentación. O localizado ata o de agora é unha construción de 50 centímetros de altura e un metro de ancho. A intención é seguir profundando neste achado.

Dende a Deputación explican que este descubrimento xa foi trasladado tanto a Patrimonio como ao equipo de Nieto Sobejano, estudo de arquitectura que se encarga da rehabilitación do convento.

Domínguez apunta tamén que o achado non suporá retrasos nos prazos do proxecto de rehabilitación e na apertura dos xardíns á cidadanía.