Os bombeiros comarcais protestan ante a Deputación para reclamar máis persoal e melloras salariais

PONTEVEDRA> Tensa protesta dos bombeiros dos parques comarcais ante a Deputación de Pontevedra. Un centenar de traballadores concentráronse na avenida Montero Ríos. Máis persoal e mellores condicións laborais son as reclamacións centrais polas que levan en folga dende o pasado mes de xuño.

Momentos de tensión vivíronse esta mañá durante a protesta dos bombeiros dos parques comarcais ante a Deputación de Pontevedra.

Un centenar de traballadores de toda Galicia trasladáronse a Pontevedra para participar nesta mobilización. Unha nova protesta coa que seguen a reclamar máis persoal e mellores condicións salariais.

Estas melloras pasarían, explican, por dotar de alomenos sete bombeiros máis a cada un dos 25 parques comarcais de toda Galicia. No referente á suba salarial, denuncian que a día de hoxe só perciben 20.000 euros brutos ao ano.

Pero non parece que estas reclamacións vaian ser escoitadas dende os consorcios que forman as catro Deputacións e a Xunta de Galicia. Hoxe o presidente provincial de Pontevedra pedía aos bombeiros realismo nas súas reclamacións salariais.

Os bombeiros están en folga dende o pasado mes de xuño para defender estas reivindicacións. Manterán a súa negativa a realizar horas extra, aínda que esta medida siga a supoñer o peche dos parques por falta de efectivos.

En canto ás mobilizacións, o vindeiro luns concentraranse ante a Deputación de Ourense. O venres 27 de outubro farán o propio ante a da Coruña e o martes 31 na de Lugo. O calendario rematará cunha manifestación en Santiago de Compostela o día 17 de novembro.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí