Neira Cruz faise coa segunda edición do concurso de literatura infantil Carlos Mosteiro

POBRA> Xosé Antonio Neira Cruz co ‘O enigma do baúl pechado’ faise coa segunda edición do concurso de Literatura Infantil e Xuvenil Carlos Mosteiro, promovido pola Asociación Cultural Barbantia e o concello da Pobra. O fallo do xurado fíxose público esta mañá nun acto celebrado na casa consistorial.

A segunda edición do certame de literatura infantil e xuvenil Carlos Mosteiro xa ten gañador. Esta mañá dábase a coñecer o fallo do xurado. Foi o propio alcalde o encargado de desvelar o nome do gañador e o título da obra: Xosé Antonio Neira Cruz, coa obra ‘O enigma do baúl pechado’

O xurado destacou a alta calidade da obra presentada que foi elixida de xeito unánime.

Todos eles destacaron o prestixio e a repercusión do premio nesta segunda edición, xa que o autor premiado é un escritor moi recoñecido no panorama literario galego e tamén nacional con premios coma o Merlín, o Barriga Verde ou o Lazarillo, entre outros. O acto de entrega do premio, consistente en 1.500 euros e publicación da obra na colección Árbore de Galaxia, terá lugar no mes de novembro. Na primeira edición a obra gañadora foi ‘Os Fantom’ de Patricia Mallo.