A toxina obriga a aprazar a apertura da campaña marisqueira en Noia

NOIA> A irrupción da toxina truncou as previsións da confraría de Noia de iniciar a campaña marisqueira o luns. En vista dos elevados niveis detectados nas mostras tomadas esta semana, semella que haberá que agardar, polo menos, ata o mes de outubro.

Todo estaba listo en Noia para iniciar a campaña marisqueira. Esta mesma mañá, a confraría tiña previsto enviar as mostras ás conserveiras pero finalmente non puido ser dada a alta concentración de toxina detectada nas analíticas realizadas polo Intecmar.

A aparición da marea vermella supón non só o retraso na volta á actividade senón tamén un prexuízo económico para os mariscadores posto que de aquí a mediados de setembro concéntrase a maior demanda de produto para as conserveiras.

A pesar de que haberá que agardar, a campaña promete dada a gran cantidade de recurso e sobre todo a alta calidade que puideron observar nas autorizacións.

Aínda que é cedo para facer unha predición, dende a confraría non descartan que o episodio tóxico se prolongue, dado o alto nivel en toda a ría con resultados por riba de 300 nalgunhas zonas.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí