A flota do cerco toma Portosín para reclamar máis cota de bocarte

    PORTO DO SON> O cerco galego mobilizouse esta fin de semana en Portosín para volver a demandar máis cota de bocarte para a súa flota. Consideran que o actual reparto é inxusto e beneficia a outras comunidades cantábricas, en detrimento de Galicia. Éxito da mobilización convocada por ACERGA para esixir novamente un reparto máis xusto da cota de bocarte. Boa parte da flota galega concentrábase este sábado en Portosín co obxectivo de facerse oír xa que, denuncian, a administración non ten en conta as súas demandas. A imposibilidade de pescar bocarte fronte ás súas costas deixa ós cerqueiros con moi poucas posibilidades de pesca xa que as cotas de xurelo e sardiña tamén son escasas. Piden que se reaxusten os TAC tendo en conta criterios obxectivos como o número de tripulantes por cada embarcación. A solución proposta polo Ministerio de intercambiar cota de sardiña por anchoa con Portugal tampouco saíu adiante pola negativa do resto das flotas do Cantábrico e das propias confrarías galegas consultadas. Así as cousas, dende ACERGA fan un chamamento á mobilización ata conseguir que o Ministerio cumpra os seus compromisos e permita ó cerco galego pescar en igualdade de condicións co resto do cantábrico.