As festas da Guadalupe e o Nazareno despiden o verán no Barbanza

    BARBANZA> O Barbanza despediu o verán por todo o alto con dúas das súas festas máis multitudinarias. A Guadalupe e o Nazareno volveron atraer a miles de visitantes nunha fin de semana na que o tempo acompañou, facendo da comarca un destino inmellorable. Ó redor de corenta mil persoas participaron na procesión do Nazareno da Pobra. A maior parte guiados pola devoción ó santo e moitos outros pola curiosidade que esperta unha das tradicións máis singulares de Galicia xa que os ofrecidos portan os cadaleitos ó longo de todo o percorrido. Este ano foron nove caixas, cinco de adultos e tres de nenos, as que procesionaron dende a igrexa do Castelo para agradecer ó Divino Nazareno a súa intercesión. Aínda que a procesión das mortallas constitúe a imaxe máis característica, as festas do Nazareno son moito máis. Concertos, actividades deportivas, inchables para nenos e todo tipo de espectáculos que terán o broche de ouro esta noite coa gran tirada de fogos de artificio. En Rianxo, as celebracións deste ano non remataron coa tradicional cantata da Rianxeira na madrugada do sábado. Como xa acontecera hai dúas edicións, o mal tempo obrigou a trasladar o feirón mariñeiro previsto para o xoves ó domingo. Así, os rianxeiros desfrutaron dunha xornada máis na que a artesanía e a tradición tomaron as principais rúas do casco da vila.