Arrinca a terceira edición do Coworking de Barro con vinte novos proxectos

BARRO> Xa está en marcha a terceira edición do Coworking de Barro. Esta mañá, as instalacións recibiron os novos participantes. En total son 20 proxectos que se beneficiarán da iniciativa impulsada pola Deputación de Pontevedra e a Escola de Organización Industrial, ofrecendo formación e titorías individualizadas aos emprendedores.

O Coworking de Barro arrincou esta mañá a súa terceira edición. Nesta convocatoria participarán no programa 20 proxectos de emprendemento, seleccionados entre os 32 que se presentaron ao proceso de selección.

Turismo, moda, gastronomía, fotografía, comunicación, psicoloxía ou actividade física, son algúns dos eidos nos que se desenvolven as propostas dos emprendedores desta edición. Os participantes terán acceso a 100 horas de formación nas que combinarán talleres, dinámicas grupais, titorías individualizadais e seguimento dos seus proxectos.

Nas instalacións do Coworking, situado no Polígono de Barro-Meis, os participantes poderán contar cun posto de traballo, unha zona de descanso e networking e unha sala de reunións. Ademais, terán acceso gratuíto ao Laboratorio de Fabricación Dixital, que dispón de equipamentos como impresoras 3D ou soldadores de electrónica.