BARBANZA> As confrarías galegas continúan coa súa folla de ruta para poñer en marcha un plan integral do marisqueo. As xuntanzas sobre furtivismo, calidade das augas e recursos biolóxicos que se están a desenvolver en toda Galicia poñen sobre a mesa as peculiaridades de cada zona. Coas conclusións derivadas destas reunións desenvolveranse accións concretas para a mellora do sector. A fase inicial deste plan componse de trinta e catro reunións en todo o litoral galego divididas en tres áreas de traballo: o furtivismo, o saneamento das rías e o estado dos recursos biolóxicos. En materia de furtivismo, a repercusión deste plan xa está a obter os primeiros resultados, incidindo no control dos cauces de comercialización ilegais. O plan tamén aborda, en colaboración cos concellos e Augas de Galicia, a necesidade de mellorar o saneamento das rías para garantir a calidade das augas. Unha vez rematadas as xuntanzas de traballo, a finais de outubro, poranse en común as conclusións obtidas para elaborar un plan integral de acción encamiñado a mellorar a rendibilidade e sostibilidade do marisqueo.
Inicio Barbanza - Muros - Noia