Os praceiros de Ribeira opóñense á suba da taxa por ocupación de postos

    RIBEIRA> Malestar no seo da asociación de praceiros de Ribeira ante a suba das taxas por posto en máis dun trinta por cento. O presidente da entidade mantivo este mediodía unha xuntanza con responsables do concello para solicitar que se manteñan os prezos, que xa experimentaran un incremento co traslado ó novo mercado. Os praceiros de Ribeira optaron por devolver os recibos ante o que consideran un incremento abusivo das taxas por ocupación de posto. Trala aprobación desta suba, os profesionais terán que aboar un trinta por cento máis do que viñan pagando dende o seu traslado á nova praza de abastos, cando tamén viran aumentadas as cotas mensuais. Dende o concello alegan que a suba vén motivada polos novos servizos que disporán; entre eles unhas dependencias a modo de almacén. Na reunión mantida coa concelleira de mercados, Esther Patiño, os representantes dos praceiros transmitíronlle o seu desacordo con esta suba que se suma ós novos gastos que terán que asumir, como o pago da luz. Así as cousas, os praceiros non teñen previsto aboar ningún recibo ata que se restablezan as taxas anteriores. Dado que a suba foi aprobada en pleno, a edil responsable de mercados emprazounos a presentar un escrito coa súa reclamación para que poida ser debatido en comisión de goberno. Á espera de que o concello atenda as súas peticións, os praceiros lembran as necesidades coas que segue a contar a praza. A principal, a instalación de mecanismos de seguridade para evitar roubos tan frecuentes como os que se teñen producido nos últimos meses.