O BNG da Pobra fai unha chamada ó diálogo

    POBRA> Os nacionalistas apelan á responsabilidade do resto de forzas políticas da corporación municipal de cara a chegar a acordos en diferentes asuntos de relevancia para o concello. Para o BNG pobrense atopámonos nunha época do ano na que os concellos deben tomar decisións vitais para o seu desenvolvemento futuro. É o caso da elaboración dos orzamentos para o ano que vén ou mesmo a aprobación das obras a incluír nos diversos Plans Provinciais da Deputación da Coruña, cuxas convocatorias sairán en breve. De aí que os nacionalistas fagan unha chamada ó diálogo e a propia responsabilidade do resto de grupos políticos con representación municipal co fin de chegar a acordos que redunden en beneficio da propia veciñanza. Máxime cando o concello está gobernado por unha forza en minoría, o que fai máis necesario o entendemento entre as partes.