Rianxo recibe ó padexeiro Adrián Mosquera trala súa participación nos Xogos Paraolímpicos de Tokio

RIANXO> O deportista recibiu de mans do alcalde, Adolfo Muíños, unha placa conmemorativa en nome de toda a corporación municipal.

Nun emotivo acto celebrado no salón de plenos, coa presenza do alcalde, Adolfo Muíños, e representantes da práctica totalidade dos grupos con representación na corporación municipal, así como amigos e familiares, o padexeiro, Adrián Mosquera foi recibido no Concello.

Foi un acto sinxelo, pero que serviu para darlle a noraboa pola súa participación nos recentes Xogos Paraolímpicos de Tokio, un fito histórico no deporte rianxeiro.

O deportista agradeceu as mostras de cariño e mostrouse un pouco decepcionado polos resultados acadados nos Xogos, que non foron os agardados por el. Aínda así destacou a experiencia vivida.

Durante o acto, o alcalde, en nome de toda a corporación, fíxolle entrega ó padexeiro dunha placa conmemorativa que recorda a súa fazaña deportiva. Unha experiencia que Adrián non esquecerá e que de seguro lle servirá para emprender novos retos na súa vida deportiva e tamén persoal.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí