Ribeira prepara un Plan de Accesibilidade Universal

    RIBEIRA> A nova foi recibida con agrado por diferentes asociacións da comarca que traballan con persoas con diversidade funcional, como é o caso de AMBAR. Dando cumprimento a un acordo ó que o propio alcalde, Manuel Ruíz, chegara con membros da nova directiva da asociación para persoas con diversidade funcional AMBAR, o executivo ribeirense vén de dar luz verde á elaboración dun Plan Municipal de Accesibilidade Universal, no que se investirán máis de 21 euros. A nova foi recibida con agrado no propio seo de AMBAR que dende hai tempo viña incidindo na necesidade de que se levara a cabo. Trátase do primeiro traballo destas características que afronta unha administración municipal na comarca de Barbanza. Sendo ademais unha das propostas recomendadas polo Plan de Mobilidade Urbana Sostible, que mesmo chegaba a definir un total de 46 actuacións a emprender de aquí ó ano 2021. Un exemplo que dende AMBAR agardan a que sexa tamén seguido polo resto de concellos da zona. O novo plan avaliará o nivel de accesibilidade existente nos espazos e edificios públicos, nos transportes, na comunicación e tamén nos servizos da administración pública, definindo as actuacións esixidas para adaptalos ás necesidades das persoas con mobilidade reducida. Neste momento estanse a dar os primeiros pasos xa para a súa elaboración, sendo necesaria a implicación e colaboración das distintas áreas e departamentos municipais e tamén do tecido asociativo, especialmente aquelas entidades de persoas con mobilidade funcional. A empresa TCU, S.L. será a encargada da elaboración do Plan de Accesibilidade, cun prazo para rematar os traballos de catro meses. Unha vez detectadas as eivas, procederase a un estudo máis detallado do seu posible custo e a súa priorización, para unha posterior actuación.