Os nenos de Boiro conectan con Papá Noel por videoconferencia

BOIRO> Os nenos de Boiro tiveron ocasión de falar con Papá Noel. Nunha videoconferencia con Laponia, desenvolvida esta mañá na aula CeMit fixéronlle chegar as súas peticións para este Nadal.

Dende Laponia, Papá Noel conectaba esta mañá con Boiro. Alí, dende a aula CeMIT, os cativos do CEIP Santa Baia tiveron ocasión de conversar con el, facerlle chegar a súa lista de peticións e mesmo se animaron a entoar algunha panxoliña. Participou tamén no acto o Conselleiro de Facenda e Administración Pública quen destacou a importancia de promover estas iniciativas para que os cativos teñan o seu primeiro contacto coa tecnoloxía.

O alcalde quixo agradecer a aposta da administración autonómica por crear esta ampla rede de aulas CeMIT. A de Boiro leva funcionado dende o 2010 favorecendo a formación e o achegamento ás novas tecnoloxías de diversos sectores de poboación.

En total, máis de 700 nenos de toda Galicia participaron nestas conversas con Papá Noel a través da rede de aulas CeMIT integrada por preto dun cento de concellos.