A Aldea Labrega, precintada tras a caída dunha árbore que destruíu por completo o seu lavadoiro

MEIS> A caída dunha árbore esnaquizou por completo o lavadoiro da Aldea Labrega, situada en plena Ruta da Pedra e da Auga. A zona foi acordoada esta mañá por efectivos de Protección Civil para evitar riscos maiores. En canto a situación meteorolóxica mellore, o concello de Meis fará unha avaliación dos danos para estudar a súa reconstrución.

A imaxe fala por si soa. A caída desta árbore destruíu por completo o lavadoiro da Aldea Labrega, un espazo singular situado en plena Ruta de Pedra e da Auga. As precipitacións que non cesan e as condicións do terreo, que non dá absorbido máis auga, acabaron cun dos principais elementos deste conxunto.

Na zona caeron varias árbores, coa mala sorte de que a de maior embergadura impactou directamente contra o lavadoiro. Como resultado, practicamente ningunha das partes resultou intacta. Esta mesma mañá efectivos de protección civil pechaban a zona para evitar males maiores.

O arborado da ruta fora revisado hai menos dun mes sen que se detectara ningún exemplar que supuxese unha situación de perigo.

Porque a chuvia que non cesa e o vento levaron por diante varias árbores ao longo de toda a ruta.

Así que dende o concello piden a curiosos e visitantes que de acherse á zona o fagan con moito coidado para evitar males maiores.