Vilanova encargarase da comercialización das parcelas do polígono de Baión

    {flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/10outubro/19/ana_pastor_vilanova.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/10outubro/19/ana_pastor_vilanova.mp4{/flowplayer}

     

    VILANOVA> O concello de Vilanova encargarase de comercializar as parcelas do polígono de Baión. Este mediodía e despois de visitar o Pazo de Vista Real, a Ministra asinou un convenio que  permite que sexa a nova oficina de desenvolvemento local de Vilanova a que se encargue destas xestións durante dous anos. O que buscan é fomentar a venda de parcelas nun polígono que a día de hoxe está case baleiro pero que está a reactivar o interese no seu espazo: despois dun tempo estancado, a semana pasada pechábase a venda dunha parcela de 2.000 metros cadrados.

    Facer do polígono de Baión unha peza clave na creación de emprego na comarca é o obxectivo final do convenio asinado hoxe entre Fomento e o concello de Vilanova. O acordo permitirá ao concello comercializar as parcelas a través da oficina de desenvolvemento local do Pazo de Vista Real, algo do que ata o de agora se encargaba a sociedade Solo Empresarial do Atlántico.

    Con este acordo pioneiro, os posibles compradores non terán que desprazarse a Santiago para facer as xestións. Esta medida súmase a outras coas que buscan reactivar a venda de espazos no polígono de Baión, actualmente case baleiro. Xa hai un tempo, a SEA abaratara o prezo dos terreos entre un 25% para o solo industrial e un 35% para o terciario.

    Pastor destacou a localización estratéxica de Vilanova, concello con boas comunicación e preparado para que se instalen novas empresas.  Isto, unido á recuperación económica que, asegurou, está a vivir España, deberían animar aos empresarios a investir.

    Despois de estancarse durante os anos de crise, parece que se está a reactivar o interese polo polígono de Baión. A semana pasada pechouse a venda dunha parcela de 2.000 metros cadrados. Estará ocupada por unha empresa de grúas de Vilagarcía de Arousa que busca espazo para expandirse.