Ribeira distingue a sete veciños pola súa heroicidade

    RIBEIRA> O concello de Ribeira distingue o labor exemplar de sete veciños do municipio que destacaron por protagonizar este verán varios actos de heroicidade. O salón de plenos de Ribeira acollía un acto singular, dos que non son habituais hoxe en día. A entrega de distintivos a sete veciños da localidade que protagonizaron este verán varios actos de heroicidade. Feitos todos eles dignos de mención e que o alcalde, Manuel Ruíz, destacou na súa intervención. Entre os homenaxeados, dous membros de Protección Civil. O primeiro deles, Jesús Paz Ayaso, que resultou decisivo á hora de descubrir ó autor dun incendio no lugar da Conlleira. O outro o propio responsable do Grupo de Emerxencias Municipal, Marcos Fernández, que foi quen de reanimar a un veciño da localidade que estaba sufrindo un infarto no seu vehículo en plena rúa. Tamén se distingiu a tres rapaces Álvaro Parra, Alberto Arcay e María Méndez que protagonizaron o rescate dunha muller nunha zona rochosa en Insuela, así como a Salvador Maneiro e María Elvira Parada, que lograron reanimar na praia da Catía a un home que estaba sufrindo unha parada cardiorrespiratoria.