O BNG da Pobra urxe un protocolo de actuación local contra a violencia de xénero

    POBRA> O BNG da Pobra insta ó goberno local a promover iniciativas e programas de prevención da violencia de xénero. Piden ademais que se elabore un protocolo de actuación a nivel municipal para detectar e atender posibles casos. Ante o incremento dos casos de violencia machista, o BNG urxe unha resposta integral por parte das administracións. A través dunha moción que se debaterá o próximo xoves, os nacionalistas pobrenses piden que se desenvolvan de xeito real as leis de prevención e tratamento da violencia de xénero tanto a nivel autonómico como estatal. Solicitan a dotación orzamentaria suficiente para garantir a efectividade das medidas de protección e que se incorpore o estatuto de vítima do feminicidio. A nivel local piden a institucionalización do vinte e cinco de novembro con actos de homenaxe ás vítimas e o deseño dun programa de concienciación en colaboración cos centros educativos do municipio. Por último demandan a posta en marcha dun protocolo de actuación que garanta a protección das vítimas así como os servizos de asesoramento legal e atención psicolóxica que precisan neste tipo de casos.