O CINA cumpre cincuenta anos estreitando lazos no mar

BOIRO> A Mariña de Cabo de Cruz acolleu esta fin de semana os actos do cincuenta aniversario do Centro Internacional de Navegación de Arousa. Con sedes na Illa de Arousa e en Boiro, esta escola de vela converteuse xa nun referente do deporte en Galicia. Medio século de vida dá para moito que celebrar. Por esta razón, A Illa e Boiro acolleron esta fin de semana actos de homenaxe polo cincuenta aniversario do Centro Internacional de Navegación de Arousa. En Cabo de Cruz tiveron lugar as celebracións institucionais nas que se puxo en valor a filosofía do centro que vai máis alá dunha simple escola de vela. O acto contou coa presenza do presidente da Federación Galega de Vela quen destacou a importancia dos valores de convivencia que adquiren os alumnos que pasan pola base do Chazo. Pola súa banda, o alcalde anfitrión amosou a súa satisfacción por acoller estas instalacións no Chazo que convertiron a Boiro nun referente nacional no mundo da vela. Os  actos concluíron coa entrega dunha placa conmemorativa do centro tanto ó concello como a Federación galega de Vela en recordo desta efeméride.