O concello de Noia reforzará o servizo da policía local

NOIA> Dende o concello de Noia quixeron facer un chamamento á tranquilidade explicando que a seguridade na vila está garantida. O edil Julio Bustelo explicou que se están a cubrir boa parte das quendas de noite e que está prevista a cobertura das vacantes na policía local nos próximos meses.

Ademais de axilizar o proceso para a cobertura de prazas, o concello volverá contratar catro auxiliares este verán; desta volta durante seis meses, entre abril e setembro. Paralelamente, o exeuctivo está a adoptar unha serie de medidas complementarias para garantir a máxima seguridade tanto dos cidadáns como dos axentes. Entre elas, a adquisición de chalecos antibalas, cartuchería para probas de tiro ou a convocatoria dunha nova xunta de seguridade para o un de febreiro.

Julio Bustelo amosouse moi crítico coa oposición, á que acusa de desinformar sobre a vaga de roubos e interferir nas investigación en marcha polo que pide o máximo respecto para as forzas de seguridade.

A este respecto, os responsables da Marea Cidadá de Noia cualifican de burla as palabras do edil de seguridade tendo en conta a situación da policía local que consideran alarmante. Piden ó executivo que, en lugar de culpar á oposición, procedan á ampliación dos efectivos de seguridade.