A Deputación recorda, con motivo do 25N, a todas as mulleres asasinadas pola violencia de xénero

PONTEVEDRA> A Deputación de Pontevedra presentou esta mañá a súa programación de actos con motivo do 25 de novembro, Día Internacional Contra a Violencia de Xénero. Baixo o nome “Sementando para a igualdade”, a institución provincial levará a cabo ao longo de todo o mes diferentes actividades que percorrerán as Rías Baixas. Entre elas destaca o catálogo “Mulleres do silencio”, a exposición “Rompe, Xoga en Igualdade” ou o programa “Ramonas on Tour”.

1027 mulleres asasinadas en España nos últimos 16 anos. Das cales 61 eran galegas e 25 da provincia de Pontevedra. Para recordalas e para que ninguén se esqueza de que a violencia de xénero segue presente na nosa sociedade, a Deputación despregou hoxe dúas lonas actualizadas cos nomes de todas elas.

Este acto estivo enmarcado na presentación de actividades que a Deputación de Pontevedra levará a cabo ao longo deste mes co motivo do 25 de novembro, Día Internacional Contra a Violencia de Xénero. Entre a programación destaca a presentación, esta mesma semana, do catálogo “Mulleres do silencio”, así como a exposición “Rompe, Xoga en Igualdade”. Unha mostra que estivo xa presente en 13 concellos e que seguirá percorrendo as Rías Baixas. Ademais, na xornada principal, na do 25 de novembro, dará comezo a 5ª edición do programa “Mulleres en acción. Violencia Zero”.

A programación da Deputación continuará o 27 de novembro coa presentación dun grafitti colaborativo que se levará a cabo no Centro Penitenciario da Lama e que contará coa participación de Iria Fafián. E para seguir concienciando á cidadanía, a Vilagarcía chegará en decembro “Ramonas on Tour” .

Por último, a Deputación de Pontevedra decidiu adherirse á iniciativa “En negro contra as violencias”. Deste xeito, en total, distribuíronse entre os concellos da provincia 5.000 carteis de “Espazo libre de violencias machistas”, 5.000 postais cos dous lemas da campaña e 5.300 dípticos co lema “Contra as violencias, educación”.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí