O PP provincial gaba o labor realizado polo goberno da Xunta no Barbanza

    RIBEIRA> O Partido Popular fixo hoxe balance das actuacións do goberno de Núñez Feijóo nas comarcas do Barbanza e Muros-Noia. Os deputados autonómicos, Herminia Pouso e Ramón Santos, defenderon o traballo realizado polo PP nestes últimos catro anos á fronte da Xunta, o que significou mellores servizos e infraestruturas para estas dúas comarcas. Tanto Herminia Pouso coma Ramón Santos realizaron o balance do que foi a actividade parlamentaria durante este mandato que vén de concluír. Os dous coincidiron ó sinalar o compromiso mostrado polo Partido Popular con estas dúas comarcas, algo para eles evidente e que se plasma en feitos. Para Herminia Pouso, o Goberno de Núñez Feijoo, a pesar de ter que lidar coa crise, soubo dar resposta ás necesidades dos veciños, garantindo a cobertura das políticas sociais, aumentando as partidas en servizos sociais e educación, pero sen esquecer tampouco as novas infrestruturas, tan importantes para o desenvolvemento económico da zona. Pola súa banda Ramón Santos tamén aludíu a gran implicación do goberno autonómico coa comarca noiesa. Unha por unha foi desglosando as partidas destinadas polas distintas consellerías a Muros-Noia, destacando por riba de todo á consellería de Medio Ambiente con máis de 146 millóns de euros investidos. Herminia Pouso e Ramón Santos apostaron por un novo goberno dos populares, encabezado por Alberto Núñez Feijóo, como a única alternativa fiable que ten Galicia para manter a senda da estabilidade, o crecemento económico e o fomento do emprego.