O Plan Único da Deputación da Coruña destina 6 millóns de euros ó Barbanza

BARBANZA> A Deputación da Coruña investirá preto de 6 millóns do Plan Único na comarca do Barbanza. Os concellos destinarán boa parte destes fondos a financiar gasto corrente e gasto social pero tamén á execución de obras relacionadas cos servizos básicos nas parroquias.

O pleno da Deputación da Coruña aprobou o Plan Único que suporá unha inxección de máis de 50 millóns de euros ós concellos da provincia. Tan só no Barbanza o investimento previsto rolda os 6 millóns.

Ribeira é o concello da bisbarra con maior asignación de fondos. Dos máis de 960 mil euros que lle corresponden, destinará máis da metade a gasto corrente e gasto social. No apartado de obras, executará a ampliación da liña de auga na rúa Río Azor en Palmeira, a pavimentación do camiño do Vilar en Carreira, a renovación da rede de pluviais na Cerca en Aguiño e a pavimentación e instalación de pluviais na Revolta e Fonteseca en Castiñeiras.

Por orde de investimento segue Boiro con 800 mil euros, dos que preto de 350 mil irán para gasto corrente e social. As principais obras previstas consistirán na renovación de pavimentos en varios núcleos como a subida a Espiñeira, o Esteiro, Boiro de Arriba ou Armada entre outros. Porto do Son contará con preto de 600 mil euros de fondos provinciais. Máis da metade financiarán gasto corrente, social e redución da débeda mentres que os 200 mil restantes permitirán asumir a renovación da carpintería da casa da cultura de Queiruga e o sanemaento e abastecemento no ligar da Mótega.

Noia, Muros, Outes e Rianxo recibirán cada un partidas de algo máis de medio millón de euros que destinarán principalmente a obras relacionadas coa accesibilidade e a dotación de servizos. Muros acometerá a segunda fase da humanización da Rúa Real, Outes asumirá vairas pavimentacións viarias en diversos núcleos mentres que Noia mellorará dotará de saneamento ó treito entre Augalevada e Santa Cristina e Rianxo ampliará a rede de abastecemento en distintas parroquias.

Lousame e  A Pobra beneficiaranse de investimentos por valor de máis de 400 mil euros cadfa un. Mentres que o primeiro destinará boa parte dos fondos a melloras viarias, A Pobra executará melloras de accesibilidade na praza de abastos, o paseo dos Areos e o polígono da Tomada.