Ana Rosa Quintana e o Padre Ángel, Premios Honoríficos Exxpopress 2017

    BARBANZA> A entrega dos premios que outorga o Club Exxpopress de Xornalistas de Galicia estivo presidido polo conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela. O máis granado da vida política, social e cultural da comarca do Barbanza deuse cita este pasado sábado no restaurante Baiuca de Ribeira na sexta edición da Gala do Club Exxpopress de Xornalistas de Galicia. Os premiados nesta edición foron a xornalista Ana Rosa Quintana, Premio Honorífico na categoría de Traxectoria Profesional, e o padre Ángel, fundador e presidente da ONG ‘Mensajeros de la Paz’, Premio Honorífico na categoría de Compromiso Social. Na gala que reuniu a uns 150 conviados premiouse tamén ó músico boirense José Ramón España, premio Exxpopress na súa categoría comarcal; ó físico, Jorge Mira, Premio Exxpopress Autonómico, e a empresa conserveira Jealsa-Rianxeira, na categoría internacional. Durante o acto tamén se procedeu ó ingreso como socios de honra da entidade do doutor Jacinto Hernández e a súa dona Pitusa Sabín, que recibiron ademais cadansúa medalla de prata do Club. Ó acto tamén asistiron numerosas autoridades, entre elas o conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, a directora xeral de Medios, Mar Sánchez, a directora xeral de Maiores, Fabiola García e os alcaldes de Ribeira, Boiro e Porto do Son. O Club Exxpopress de xornalistas ten como principal obxectivo a organización de actividades de promoción e dinamización turística, cultural, social e empresarial, implicando nelas a recoñecidos profesionais do mundo da comunicación. Entre os seus socios de honra figuran xornalistas da talla de Luis del Olmo, Victoria Prego, Fernando Ónega ou Pepe Domingo Castaño, entre outros.