PONTEVEDRA> Previr as demencias no rural de Pontevedra. É o obxectivo que perseguen AFAPO e a asociación Boa Vida. Os dous colectivos veñen de formalizar un convenio polo cal a través do programa ‘Vida compartida’ realizaranse obradoiros de balde baseados na expresión artística e na interacción social nas parroquias de Cerponzóns e Santa María de Xeve.
Talleres creativos para fomentar o envellecemento activo, contribuír a manter a memoria e combater a soidade. É a proposta que poñen en marcha AFAPO, Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer e outras demencias, e o colectivo Boa Vida.
Levarase a cabo a través do programa ‘Vida compartida’ e comezará polo rural pontevedrés. En concreto, polas parroquias de Cerponzóns e Santa María de Xeve.
Así os dous colectivos únense para dar forma a unha proposta máis completa. Dunha banda, AFAPO achega o seu persoal cualificado. Da outra, Boa Vida aposta por poñer o foco na motivación e coidado de persoas maiores de 50 anos botando man da expresión artística.
Porque a prevención é clave nunhas enfermidades que, segundo apuntan dende AFAPO, cada vez se diagnostican antes.
Os obradoiros teñen prazas limitadas a 15 persoas por grupo e son totalmente gratuítos. Os interesados poden informarse nas oficinas de AFAPO, na rúa do Gorgullón 24, ou no teléfono 986 84 21 41.











