A posta en marcha do polígono de Barro-Meis, prioridade para Deputación e concello

{flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/11novembro/24/depo_barro.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/11novembro/24/depo_barro.mp4{/flowplayer}

 

BARRO> Máis cordial foi a primeira reunión entre a presidenta da Deputación de Pontevedra e o alcalde de Barro. Carmela Silva e Xosé Manuel Fernández puxeron sobre a mesa as prioridades para o concello, que recibirá case 400 mil euros do plan concellos 2016. Construír máis infraestruturas deportivas e pór en valor o castro do municipio e o parque de Barosa, son algunhas das tarefas pendentes. Pero Silva e Fernández coincidiron nun tema estrela: a posta en funcionamento do polígono de Barro, chamado a ser o motor de crecemento económico da vila e o entorno.

O futuro do polígono de Barro-Meis é o tema estrela para o concello e a Deputación. Ambas institucións apostan pola súa posta en marcha canto antes, facendo fincapé no seu papel como motor económico da vila e do entorno. Actualmente, xa mercaron parcelas Froiz e Estrella Galicia. Ademais, habería dúas compañías locais interesadas en compartir unha parcela no polígono. 

A intención é que o viveiro de empresas comece a funcionar o 2 de xaneiro. 

O polígono non foi o único tema que abordaron neste primeiro encontro a presidenta provincial e o alcalde. O goberno local transmitiu a necesidade de realizar tarefas de mantemento nos viais de titularidade provincial, e pediu a colaboración da Deputación na posta en valor do parque natural de Barosa e a recuperación do castro.

Tanto Silva como Fernández destacaron o bo ambiente no que se produciu o encontro. O alcalde de Barro insistiu na súa satisfacción polo novo modelo de goberno provincial. O concello recibirá case 400 mil euros do plan concellos 2016, máis dun 15% máis que en 2015.

Crear un parque forestal no Monte Acibal, colaborar no mantemento do Camiño de Santiago ao seu paso por Barro e dotar de máis infraestruturas deportivas o concello, son outros dos puntos que abordaron esta mañá e que, aseguraron, desenvolverán en encontros futuros.